Obsolescencia prematura

Obsolescencia prematura

PIENSA

O concepto nace a principios do século XX canda a revolución industrial, o desenvolvemento da maquinaria e a produción en serie. Ao principio os bens de consumo eran creados para perdurar, cumprían a súa función e non tiñan data de caducidade. Os fabricantes déronse conta de que se duraban moito venderían menos e as súas expectativas de obter beneficios serían menores. Existen diversos tipos de obsolescencia, como podes ler máis adiante, programada ou incorporada; percibida ou psicolóxica; e tecnolóxica.

É unha práctica que provoca un desbaratamento de recursos (enerxía, auga, materiais, etc.) e unha xeración de residuos grave con impactos sociais, ambientais e económicos importantes, alén de ser unha fraude de cara aos consumidores.

SABÍAS QUE...

En 1932 Bernard London defendeu que se establecese por lei para potenciar o consumo. En 1954 o deseñador industrial Clifford Brooks Stevens na súa conferencia Obsolescencia programada retomou a idea nunca implementada.

Así foi nacendo “a enxeñaría de valor” que determina a vida útil do ben ponderando as decisións na súa fabricación (abaratar materiais, deseño, etc.) para obter o maior lucro empresarial, o que supón un enorme impacto para o planeta e para o peto dos consumidores. Ao mesmo tempo, a reparación foise volvendo máis cara que a compra de produtos novos, alén de que os propios servizos técnicos a desaconsellaban, non había recambios ou era imposible efectuala manualmente.

Un exemplo paradigmático da obsolescencia programada son as lámpadas. A primeira lámpada posta á venda por Edison no ano 1881 era de bambú, con alto contido natural en ferro e cunha duración de 1 500 horas. Nos anos 20, acadaron as 2 500 horas. En Livermore (California) sobrevive unha lámpada de Shelby Electric Company que leva funcionando máis de 117 anos sen interrupción no parque de bombeiros ao que se doou. Ironicamente, a súa cámara de vixilancia (accesible a través de Internet) substituíuse por obsolescencia programada.

Pero no Nadal de 1924, en Xenebra, creouse o cártel internacional e clandestino Phoebus, formado por Osram, Philips, General Electric e a empresa española Lámparas Z para limitar as horas a 1000 e multar a quen fixese as lámpadas máis duradeiras. En 1932 o cártel consolidouse e posteriormente foi denunciado polo goberno estadounidense. O litixio, que durou once anos, desembocou nunha multa, pero a obsolescencia programada proseguiu. Na práctica a sentencia non se aplicou e as lámpadas duran o que o cártel planificou.

Hai moitos casos de obsolescencia programada nos tribunais. Outro exemplo foi o xuízo do iPod. Os consumidores decatáronse de que as súas baterías estaban programadas para deixar de funcionar, non se podían cambiar, senón só comprar outro iPod. Xurdiu unha demanda colectiva con decenas de miles de participantes que se pechou cun acordo. Practicamente non recibiron ningunha compensación, pero desde entón foi posible instalar unha batería de recambio e púidose escoller entre comprar unha batería nova ou outro teléfono. A avogada Elizabeth Pritzker sentou a Apple nun tribunal 30 anos despois do primeiro caso contra General Electric e demostrou que as baterías da primeira xeración foran deseñadas para durar 18 meses.

Outro exemplo son as medias de nailon. Cando apareceron no mercado eran irrompibles, pero cos anos fóronse facendo cada vez dun nailon máis feble e ao romper, as súas vendas multiplicáronse.

Tamén algunhas impresoras teñen un chip que deixa de funcionar ao alcanzar unhas copias preestablecidas, pero ás veces non é un chip que se pode extraer, senón unha combinación de materias baratas que, sumada á obsolescencia percibida da nosa mente, ao máis mínimo problema fainos optar polo modelo máis novo, porque a publicidade e a mercadotecnia incentivan modas pasaxeiras, “poñerse ao día”, etc.

En 1954 Clifford Brooks Stevens definiu a obsolescencia programada percibida como o “desexo do consumidor de posuír unha cousa algo máis nova, mellor e un pouco antes do necesario”.

TIPOS DE OBSOLESCENCIA

A obsolescencia programada incorporada: consiste en que os fabricantes, de forma deliberada, deseñan e producen os aparellos para que se avaríen ou pasen de moda rapidamente, obrigando os consumidores á súa substitución No caso das impresoras, a compra dunha nova pode deberse a que o arranxo resulte máis caro ou a que o fabricante deixe de producir algún dos seus elementos, como os cartuchos.

Obsolescencia psicolóxica ou percibida: cando consideramos un produto vello, anticuado ou pasado de moda aínda que estea en perfecto estado e funcione. Un dos "trucos" máis usados consiste en sacar ao mercado deseños diferentes por fóra, pero iguais por dentro, para que o modelo anterior pareza anticuado. Este é, por exemplo, o caso da roupa. Estamos afeitos a que cada 15 días as grandes empresas de moda nos presenten novas coleccións. Iso significa que se ao cabo de 15 días ou dun mes a roupa comprada deixa de estar de moda, xa non a volvemos usar e queda totalmente obsoleta, aínda que a poidamos seguir utilizando.

Obsolescencia tecnolóxica: fai referencia á necesidade de recambio dun aparello simplemente porque aparece unha nova versión sen cambios significativos e sen que o produto chegase ao final da súa vida útil. É habitual en móbiles, tabletas e produtos tecnolóxicos de marcas moi coñecidas. Un exemplo é verse obrigado a cambiar de terminal porque unha aplicación ou programa xa non é compatible co noso aparello.

CONSECUENCIAS

  • Sociais: prodúcense máis produtos de peor calidade en fábricas instaladas en países con economías en desenvolvemento onde os dereitos dos traballadores e a lexislación de protección ambiental son escasos.

Ver ficha Globalización

Ver ficha Relacións norte-sur

  • Ambientais: debido ao excesivo uso de recursos, materiais e enerxía, e ás grandes cantidades de residuos que se producen, contribúe á destrución do ambiente.

Ver ficha Consumo sostible

  • Económicos: o consumismo que provoca a obsolescencia prematura supón un alto e grave custo económico para os petos dos consumidores e perdas económicas globais.

Ver ficha Reciclaxe

Ver ficha Prevención de residuos

Ver ficha Economía circular

Ver ficha Nova lexislación sobre garantías

PARA SABER MÁS...

Recursos para combater a obsolescencia: