PENSA
A globalización é un proceso histórico de integración mundial nos ámbitos económico, comercial, político, tecnolóxico, das comunicacións, social e cultural, que converteu o mundo nun lugar cada vez máis interconectado, unha “aldea global”. Ese proceso produciuse a consecuencia do remate da Guerra Fría, así como pola expansión do libre mercado a nivel global.
SABÍAS QUE...
O Dicionario da Real Academia Española define o termo globalización, como «Proceso polo que as economías e os mercados, co desenvolvemento das tecnoloxías da comunicación, adquiren unha dimensión mundial, de modo que dependen cada vez máis dos mercados externos e menos da acción reguladora dos Gobernos».
A globalización é un proceso fundamentalmente económico, que consiste na crecente integración das distintas economías nacionais nunha única economía de mercado mundial.
- A mundialización da economía. Consecuencia á súa vez da mellora das comunicacións, a apertura de fronteiras, a baixada dos custos de transportes, a fragmentación xeográfica da produción, a mellora do comercio internacional en xeral, a mellora do financiamento global e das novas alianzas estratéxicas entre o capital e a tecnoloxía.
- A eclosion de novas e importantes tecnoloxías nas dúas últimas décadas.
- A cobertura planetaria das comunicacións (satélites, telefonía móbil, Internet).
- A importancia que está a tomar o factor coñecemento e, en concreto, a innovación nos procesos económicos.
Un dos efectos máis perniciosos da globalización é a asimetría nas relacións económicas e comerciais entre os países do norte e os países do sur, provocada pola liberalización dos mercados dos últimos corenta anos (ver ficha Relacións norte-sur). Os países máis beneficiados coa globalización son os países do norte, ao poderen atopar mercados novos, man de obra e materias primas máis baratas e condicións fiscais, de produción ou de extracción máis vantaxosas.
Polo xeral, os países chamados “do norte” son países “ricos ou desenvolvidos”, que adoitan proverse de materias, man de obra e recursos (enerxía, auga, etc.) nos chamados “países do sur”. A miúdo, estes países máis “pobres ou en desenvolvemento” son en realidade países ricos polos seus numerosos recursos naturais, pero que foron empobrecidos ao longo destes séculos desde a colonización, pasando pola industrialización, ata a globalización. Moitos deles viron como durante todo este tempo as súas riquezas (cultivos, minerais, madeira, man de obra máis barata, etc.) foron extraídas para ser exportadas e explotadas por outros países, sen xerar un desenvolvemento industrial ou económico importante nos seus propios territorios. Isto é así porque o que economicamente reportan esas exportacións adoita quedar nas mans dunha elite no seu país, sen que se redistribúa a riqueza ao resto da poboación e sen que melloren as condicións de vida dunha maioría social.
Agora o mundo está máis interconectado (en transportes, comunicación, economicamente, culturalmente), o cal ten vantaxes á hora de nos comunicar, comprar ou viaxar. Pero esa maior interconexión tamén nos fai máis vulnerables “ao contaxio” das crises económicas e financeiras entre países, e mesmo á expansión mundial de enfermidades e pandemias.
QUE PODO FACER EU…?
- Ser consciente do que implica a globalización e dos aspectos negativos que leva ao noso ao redor, para poder palialos na medida do posible.
- Valorar a adquisición, sempre que sexa posible, de produtos de comercio xusto para garantir condicións de produción sustentables, éticas e solidarias. (ver ficha Comercio xusto).