Economía circular

Economía circular

PIENSA

O noso sistema económico e produtivo global é un sistema aberto incorporado dentro dun sistema maior como é o planeta, do que toma recursos e ao que verte residuos. O sentido do modelo económico é lineal e industrial, xa que inclúe as distintas fases de extracción e transformación de recursos (produción), consumo e eliminación. Dito de modo máis sintético, o modelo económico lineal produce–consome–tira, mentres que o modelo da natureza é pechado ou circular, pois produce–consome–reintegra. É dicir, non xera residuos e reaprovéitao e rexenérao todo mediante ciclos. Se pensamos, por exemplo, na pel dunha froita tirada ao campo, esta, ao descompoñerse, xera humus (esterco) que fertiliza o chan e serve de nutriente para crear nova vida. Nada que ver cos plásticos industriais convencionais que persisten no ambiente durante séculos.

Por iso, o sistema produtivo actual lineal e globalizado xera graves impactos, non só de residuos, senón tamén de contaminación do aire, da auga e da terra, alén de contribuír ao cambio climático e á brecha social entre rexións do mundo.

Ver fichas Contaminación, Consumo sostible, Cambio climático, Globalización, Relacións norte-sur.

Aínda que a economía circular adoita asociarse soamente coa xestión adecuada dos residuos, vai moito máis alá. Implica redeseñar os bens e os servizos para que, ao final da súa vida útil, se poidan reintegrar no ciclo biolóxico ou no técnico, evitando tanto o incremento dos residuos como o dos seus impactos, que actualmente están poñendo en perigo a vida no planeta.

A economía circular supón un novo modelo de produción e consumo que inclúe actuacións en todas as fases do ciclo de vida e da cadea de valor dos produtos.

Require cuestionar a necesidade de explotar os recursos, sobre todo se non son renovables, e atopar as maneiras máis ecoeficientes de utilizalos. Supón ecodeseñar e optimizar a duración dos bens e servizos (reutilizar, reciclar, reparar, etc.) e a enerxía destinada a eles.

Ver fichas Prevención de residuos, reciclaxe, desbaratamento alimentario, rnerxía, consumo hídrico.

SABÍAS QUE...

Esta economía circular afunde as súas raíces históricas nas teorías rexeneradoras do ecoloxismo dos anos 60 e desenvolveuse a finais dos anos 80 e comezos dos 90, cando se comezaron a analizar os impactos dos bens e servizos no planeta. Coa economía circular preténdese paliar estes últimos promovendo o peche de ciclos, de modo que ao final da súa vida útil, os elementos biodegradables do producido e do consumido regresen á natureza (por exemplo, os residuos vexetais, alimentarios, etc., que poden fertilizar o chan) e que os compoñentes tecnolóxicos (pezas, materiais, etc.) se poidan reutilizar para fabricar outros artigos similares. Deste xeito, pechar os ciclos de materiais implica que os residuos se convertan en novos recursos.

Desde os anos 60, ecoloxistas e economistas como Kenneth E. Boulding avogaron por transitar a un modelo circular; hoxe, ata a Comisión Europea alega que facelo pode xerar para o 2030 un beneficio de 1,8 billóns de euros no conxunto da Unión Europea, un aforro en materias primas de 600 000 millóns de euros e a creación de 580 000 novos postos de traballo, ao redor de 70 000 en España. Ademais, a deterioración do chan europeo diminuiría un 80 % en 2050, evitaría a metade das emisións de dióxido de carbono en 2030, rebaixaría o consumo eléctrico non renovable e os móbiles fabricados con compoñentes recuperados custarían un 50 % menos.

Segundo a Fundación Ellen MacArthur, a economía circular podería facer medrar o PIB europeo ata un 11 % en 2030 e un 27 % en 2050, só o Reino Unido aforraría 1 100 millóns de dólares anuais en vertedoiros e fornecería 2 GWh de electricidade.

Todo iso require repensar a nosa forma de producir e consumir, substituír a economía lineal de “usar e tirar” por un modelo circular. A transición á economía circular farase realidade cando as compañías, as administracións e a poboación sexan conscientes dos seus beneficios, algo que está comezando a ocorrer. Transitar a esta circularidade en Europa custaría 630 000 millóns de dólares e reportaría 3 billóns de dólares.

A economía circular ten unha importante dimensión colaborativa ao entender que hai moito que gañar construíndo pontes entre sectores, ou no mesmo sector: os excedentes ou residuos duns, poden ser recursos para outros, entre outras moitas oportunidades.

Pero aínda nos queda un gran camiño para ser tan eficientes como a natureza. Se o obxectivo da natureza é xerar vida sostible o da complexa economía e sociedade de consumo actual é crear beneficios e crecementos ilimitados nun planeta de recursos finitos, unha lóxica imposible que nos leva á deterioración planetaria ambiental e social.

QUE PODO FACER EU…?

-Entender como funciona a natureza e aprender dela, por exemplo, a biomimese é unha disciplina científica que aprende da natureza para propoñer alternativas e solucións ecoéticas.

-Aplicar sempre que poidas as nove erres: repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar (aforrar) enerxía.

-Aprender estratexias de “residuo cero”, reciclaxe, reutilización e ecodeseño.

-Pedir na túa escola que apliquen a compra pública de produtos social e ambientalmente responsables (comida, equipación deportiva, electrónica, etc.).

- Infórmate do impacto social e ambiental dos produtos que mercas.

- Reduce o consumo ao estritamente necesario.

- Penaliza os produtos ou servizos que vulneren principios éticos, sociais ou ambientais.

- Reduce o desperdicio alimentario.

- Valora o impacto á hora de planificar as túas vacacións.

PARA SABER MÁS...