PENSA
Os muíños de vento modernos que ves ao lonxe, cando viaxas pola estrada, son unha das principais fontes de enerxía no mundo. As súas aspas xigantes xiran coa forza do vento e xeran electricidade para as cidades sen emitir contaminación. Por este motivo, nos últimos vinte anos instaláronse decenas de parques eólicos en toda España, especialmente en Castela e León, Aragón e Galicia, zonas onde corre moito vento. Unha alternativa que cada vez é máis utilizada é instalar os muíños no mar.
Con todo, a enerxía eólica tamén xera tensións coa poboación local, xa que modifica a paisaxe nas chairas e nas zonas de montaña. Algúns veciños móstranse molestos cando se constrúen preto da súa casa e non os aceptan de boa gana. Alén diso, tampouco son unha fonte de enerxía continua, porque dependen de que sopre o vento e durante algúns meses do ano achegan pouca electricidade. Funcionan moi ben na primavera e peor no verán. Por iso, alí onde hai muíños de vento necesítanse outras fontes de enerxía que dean apoio, como a enerxía solar.
SABÍAS QUE...
A enerxía eólica obtense do movemento que produce o vento ao interactuar coas hélices dun aeroxerador. Este é un xerador eléctrico movido por unha turbina eólica, que á súa vez é accionada polo vento, que transforma a enerxía eólica en enerxía mecánica de rotación. Inspírase nos muíños de vento que se empregaban para a moenda dos cereais e para a obtención da fariña. Un conxunto de aeroxeradores forma unha central eólica.
Os aeroxeradores poden traballar de maneira illada ou agrupados en parques eólicos. Os parques eólicos, tanto na terra como no mar, están formados por unha serie de aeroxeradores que captan a enerxía cinética do vento para a súa transformación en enerxía eléctrica. A enerxía eléctrica producida por cada un dos aeroxeradores, normalmente a media tensión, é transportada por vía subterránea a unha estación transformadora que eleva a súa tensión e posteriormente, mediante unha liña de evacuación, é inxectada na rede de distribución ou de transporte.
Temos que ter en conta que para que un ben ou servizo sexa “sostible” debe ter tres piares igual de solventes: un social (de respecto polas persoas, os traballadores, os consumidores, as comunidades e a sociedade), un ambiental (de respecto polo ambiente, a biodiversidade, a contorna natural, as súas especies e os recursos terrestres) e outro económico, que lle permita ser viable financeiramente tendo en conta os piares anteriores.
Os muíños de vento tamén dependen destes factores. No pasado, a súa construción non estaba tan regulada como na actualidade, por iso hai zonas onde tiveron un impacto na paisaxe e onde as aves sofren accidentes ao chocar coas súas aspas. Na actualidade, os parques eólicos deben pasar un exame esixente que demostre que son respectuosos coa natureza e non se poden instalar en zonas de migración de aves.
Para que estes muíños tamén teñan unha maior aceptación, cada día é máis habitual que nos terreos dos parques eólicos haxa agricultura e gandaría, e que os traballadores da estación eléctrica sexan veciños da zona. Os muíños tamén pagan unha boa cantidade de impostos, que no caso dos concellos pequenos permiten investir en mellorar o municipio.
A ENERXÍA EÓLICA EN ESPAÑA E NO MUNDO
España foi un dos países que máis apostou pola enerxía eólica no mundo, pero desde hai uns dez anos, tras a crise económica de 2008, esta tecnoloxía perdeu interese no noso país. A enerxía solar, máis barata e máis fácil de instalar, tomou a dianteira. Tamén tivo moitos problemas de protesta social polo seu impacto na paisaxe, especialmente en Galicia
A alternativa que atoparon as empresas que traballan na construción de muíños é instalalos no mar, unha opción pola que xa apostaron países como o Reino Unido, Francia ou os Países Baixos. No océano hai moitísimo vento durante todo o ano e a eólica non estraga a paisaxe, pero neste caso son os mariñeiros os que se opoñen. Temen que os muíños escorrenten os peixes, aínda que por agora non hai evidencias claras de que iso ocorra. España ten ademais moitas dificultades para construír parques eólicos no mar, xa que está rodeada de augas moi profundas e non se poden cravar os muíños no fondo mariño. En vez destes, hai que apostar polos muíños flotantes, que polo momento non se usan a grande escala en ningún país de Europa.
A finais de 2022, España tiña en total 22 042 muíños de vento para xerar electricidade. No mundo é o quinto país con máis potencia eólica instalada, por detrás de China, Estados Unidos, Alemaña e India. Tamén é un centro de fabricación clave no mundo: é o quinto maior exportador de aeroxeradores, por detrás de Alemaña, Dinamarca, Holanda e China.