PENSA
O comercio xusto ten como obxectivo establecer relacións comerciais cos países máis desfavorecidos desde un intercambio equitativo e xusto. Constitúe en si mesmo unha nova alternativa de solidariedade, baseada na procura dun modelo de relacións comerciais, especialmente cos países do sur.
En 1964 fundouse a UNCTAD (Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento) que avogou porque se establecesen axudas aos países en desenvolvemento e se realizasen conferencias sobre estas cuestións cada catro anos. Na primeira, celebrada en Xenebra en 1964, os países produtores do sur reclamaron Trade, not Aid (Comercio, non axuda), o que deu lugar ao nacemento do comercio xusto como unha alternativa pioneira en negocios éticos. Desde os anos 70 do século pasado converteuse nun movemento comercial global que reclama relacións comerciais xustas. Actualmente só supón o 1 % do comercio mundial, pero demostra que é posible levalo a cabo na práctica.
O comercio xusto baséase en:
- Posibilitar que os produtores poidan vivir dignamente, porque reciben un salario que lles permite levar unha vida digna.
- Non permitir o traballo forzoso, é dicir, escravo, que aínda existe nalgúns países e sectores como o agrícola, o pesqueiro, a minaría ou a manufactura. O que se coñece como “escravitude moderna”.
- Prohibir o traballo infantil.
- Promover a igualdade de xénero entre homes e mulleres.
- Establecer relacións comerciais de equidade entre os produtores, os distribuidores e os comercializadores. Ademais, prefinancia os produtores, polo que os salvagarda das subidas e baixadas dos prezos das materias primas nos mercados e da especulación.
- Empoderar os produtores e pór en valor a gran tarefa que realizan.
- Á parte dun salario digno, os produtores adscritos ao comercio xusto reciben o que se coñece como unha “prima de comercio xusto” para investila na mellora da súa calidade de vida a través de proxectos sanitarios, educativos ou de infraestruturas (estradas, etc.). Elixen democraticamente a que a destinarán, o que contribúe ao verdadeiro desenvolvemento sostible da súa comunidade.
Búscase o modo de evitar intermediarios entre produtores e consumidores.
Os consumidores son informados da orixe do produto.
SABÍAS QUE...
SELO INTERNACIONAL DE GARANTÍA
Os produtos de comercio xusto deben estar garantidos, tanto polo seu carácter especial como pola calidade dos mesmos. Para iso creouse o Selo Internacional de Garantía. A adquisición destes produtos polo consumidor xera efectos sociais e ecolóxicos no lugar da produción.
Por iso, cando adquirimos artigos de comercio xusto (alimentación, artesanía, roupa, complementos, etc.) é importante que comprobemos que a entidade que os comercializa forme parte da WFTO (World Fair Trade Organization), a Organización Mundial de Comercio Xusto, representada en España pola Coordinadora Estatal de Comercio Xusto. Tamén cómpre fixármonos en que os produtos posúan certificados como os da Fair Trade International, Ecocert, FundeCoop (pequenos produtores cooperativos), IMO-Fair for Life ou Naturland.
QUE PODO FACER EU…?
- Ser unha persoa consumidora responsable e comprar produtos elaborados con normas de traballo éticas.
- Especialmente alimentos como o azucre, a panela, o cacao, o café, o té, as froitas e cereais exóticos (como a piña ou a quinoa), xa que as condicións nas que os produtores traballan neses cultivos e plantacións son aínda moi precarias, ás veces de traballo forzoso.
- No caso dos alimentos que se poñen de moda, como a quinoa, a alta demanda doutros países a miúdo afecta a seguridade alimentaria e a soberanía alimentaria dos lugares dos que proceden e onde forman parte da dieta habitual, pois o seu prezo elévase, provocando que non poidan ser adquiridos por parte da poboación a un prezo razoable.
- Eliminar, ou reducir, na medida do posible, as compras en grandes empresas e multinacionais que non respectan os dereitos humanos recoñecidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos da Asemblea Xeral da ONU de 1948, nin os dereitos laborais ou as convencións da OIT (Organización Internacional do Traballo da ONU). Ademais, cómpre recordar que catro dos dereitos laborais máis vulnerados –dereito á non discriminación, dereito de libre asociación, dereito á sindicación e dereito á negociación colectiva– tamén son dereitos humanos.
PARA SABER MÁIS...
- ¿Que es el comercio justo y cuales son sus objetivos?
- Coordinadora estatal de comercio xusto
- Selo FAIRTRADE- internacional
-
WFTO (World Fair Trade Organization), a Organización Mundial de Comercio Xusto
E busca na túa Comunidade Autónoma, seguro que atoparás as entidades máis significativas que apoian o Comercio Xusto.