Cosméticos

Cosméticos

PENSA

Usamos de media entre seis e oito cosméticos ou produtos de hixiene, as mulleres máis (uns doce) e os homes menos (uns seis)1. Annie Leonard, exdirectora de Greenpeace nos EUA, na súa curta A historia dos cosméticos2, afirma que nos duchamos con petróleo. Concretamente unhas 25 550 veces na vida3. Calquera xampú, ou xel, normal tarda uns 300 anos en se biodegradar4.

sector cosmético ten un alto gasto hídrico, entre o 46 % e o 70 % da composición deses produtos é auga5. Ademais, consome moito papel (árbores) e plásticos derivados do petróleo (recurso escaso e principal causa do cambio climático) para os envases e o packaging, alén de enerxía (para producir, refrixerar, transportar, no punto de venda) e de materias primas vexetais, animais ou minerais, que se adoitan extraer da maneira máis barata posible coas implicacións de explotación de recursos, humana e animal que iso supón.

No caso de se prover de monocultivos intensivos, poden chegar a desprazar comunidades de animais e humanas, e degradar a biodiversidade (como o aceite de palma). Ademais, este tipo de cultivos contaminan máis a auga, o solo, o aire e mesmo os nosos organismos debido ás substancias potencialmente perigosas para a saúde humana e para o ambiente que se empregan neles.

Nos cosméticos hai moitos principios activos segundo a súa función (limpar, hidratar), excipientes (o máis habitual é a auga, na que se dilúen os principios activos), correctores que os melloran ou estabilizan, xelificantes, refrescantes, espesantes, nacarantes, antiescumantes, aditivos que evitan a súa deterioración ou que fan máis atractiva a súa presentación (colorantes, conservantes, perfumes)6, microplásticos7 e outras substancias derivadas da industria petroquímica.

A UE publicou 7 000 nomes de ingredientes cosméticos (algúns referidos a varios compostos), unha inxente cantidade de substancias coas que entramos en contacto a diario, pero só o 20 % dos produtos químicos cosméticos foron avaliados e de moitos non se saben os efectos8. En xeral, no mundo liberáronse ao mercado nas últimas décadas máis de 100 000 substancias potencialmente tóxicas sen demostrar a súa inocuidade. Só se estudou o 10 % delas, pero fíxose illadamente, sen ter en conta os seus efectos no organismo ao combinalas con outras nin tampouco, en moitas ocasións, o “Principio de Precaución” de non comercializar o que non for debidamente estudado.

Por esta razón, é importante aprender a ler o INCI (Nomenclatura Internacional de Ingredientes Cosméticos–International Nomenclature of Cosmetic Ingredients), que adoita ir escrito en latín e ordena os ingredientes dos cosméticos e dos produtos de hixiene de maior a menor cantidade. A aplicación gratuíta para o móbil Ingred9, permite facerlle unha foto ao INCI e identifícaos de forma automática. Na web da Rede Ecoestética hai unha guía de peto gratuíta onde están identificados os máis importantes sobre os que hai consenso científico acerca da súa perigosidade. Pódese descargar e contrastar cos produtos que temos na casa ou pensamos adquirir10.

SABÍAS QUE...

A natureza foi a nosa provedora exclusiva de cosmética ata que chegou a petroquímica, a industrialización e a mercantilización. O xabón xurdiu hai 2 300 anos e foi usado polos romanos, os celtas, os fenicios e os árabes. A mediados do século XIX era un ben moi gravado con impostos, consumilo era sinal de riqueza e educación. Existen perfumes desde o 3 500 a.C. desenvolvidos polos sumerios, e xa había maquillaxe en Mesopotamia, tiñan connotacións sagradas e con eles unxíanse ou maquillábanse os sacerdotes, os mortos ou as deidades.

Os cosméticos ocuparon un lugar importante en todas as civilizacións adquirindo na segunda metade do século XIX,unha base científica, xeneralizándose o seu uso e ampliándose ata alcanzar a importancia que ten actualmente.

-

Legalmente, considérase cosmético calquera substancia destinada a ser posta en contacto coas partes superficiais do corpo humano ou cos dentes e as mucosas bucais, co fin de limpalos, perfumalos, modificar o seu aspecto, protexelos, mantelos en bo estado ou corrixir os cheiros corporais.

A pesar da antigüidade destes produtos, a preocupación polo seu perfeccionamento, control, vixilancia e regulamentación pertencen á actualidade. Desde o 11 de marzo de 2013 a normativa europea alega que non se pode comercializar na Unión Europea ningún cosmético experimentado en animais, pero aínda existen algunhas lagoas lexislativas que posibilitan que algúns cheguen ao mercado. Por iso, o mellor é ver se os produtos teñen selos ou certificados que acrediten que están libres de experimentación animal.

QUE PODO FACER EU…?-

  • Ter en conta a data de caducidade e a recomendación do tempo máximo que se pode utilizar o produto despois de o abrir.
  • Non abrir os produtos ata que se vaian utilizar.
  • Despois de abertos, a duración dos produtos depende do lugar en que os gardes e das condicións en que os uses, polo que é imprescindible unha absoluta hixiene e as seguintes recomendacións:
  • Pecha os botes, frascos ou tarros despois de cada uso.
  • Mantén os produtos cosméticos afastados da luz e da calor en todo momento.
  • Non é recomendable compartir os cosméticos.
  • Suspender inmediatamente a aplicación e o uso de cosméticos se causan algún tipo de irritación.
  • Non expoñer ao sol nin gardar nun lugar moi caloroso os produtos de beleza envasados en aerosol, xa que poden ser inflamables.
  • Comprar produtos que non fosen probados en animais con axuda de información (Lista no probados en animales) ou buscando no produto o selo CRUELTY FREE ou NOT TESTED ON ANIMALS.
-

                                                  

PARA SABER MÁIS...