PENSA
A agricultura ecolóxica é un sistema de produción agrícola que proporciona aos consumidor alimentos frescos, saborosos e auténticos á vez que respecta os ciclos vitais de crecemento.
Fai uso dunhas técnicas amables co medio ambiente, que minimizan o impacto humano. Para conseguilo, os agricultores e gandeiros seguen certas prácticas ecolóxicas habituais, como a rotación de cultivos, a limitación do uso de pesticidas sintéticos e antibióticos para o gando, prohibición do uso de transxénicos, selección de especies vexetais e animais resistentes a enfermidades e adaptados á rexión, a cría en espazos abertos e o aproveitamento dos recursos próximos á zona de cultivo ou cría.
A miúdo os alimentos ecolóxicos distinguímolos polo selo comunitario –tanto para froitas, verduras e produtos cárnicos–, que é a “eurofolla”, ou por outros de carácter local como os distintivos de denominación de orixe ou as especificacións ecolóxicas outorgadas pola comunidade autónoma. Estes certificados indican que o produto superou os controis establecidos pola norma europea, ou territorial, desde o seu cultivo ata o envasado e a etiquetaxe final.
SABÍAS QUE...
Nas froitas e verduras ecolóxicas hai menos residuos de pesticidas, herbicidas, insumos industriais, fertilizantes, etc., que nas cultivadas de xeito convencional. A produción ecolóxica non os emprega. A sanidade vexetal lógrase equilibrando os ecosistemas con fauna beneficiosa (vexetal, insectos) e asociando ou rotando os cultivos, evitando así a contaminación agraria, o que contribúe a reducir as emisións e a mitigar o cambio climático.
Unha vaca de cría ecolóxica vive o dobre que as vacas do modelo industrial intensivo, porque na cría ecolóxica o respecto animal é moi importante. Os animais non están confinados, os seus ciclos de reprodución non son controlados artificialmente, non reciben antibióticos nin medicamentos se non é estritamente necesario e reciben un trato digno, non como nas macroexplotacións gandeiras, que son a primeira causa global de maltrato animal e que, ademais de produciren graves impactos no solo e na auga, ofrecen catro veces menos emprego local que as explotacións familiares.
INFORMACIÓNS DE INTERESE
Dentro da produción ecolóxica, a FAO aposta pola agroecoloxía, un sistema de manexo agrario que mantén e mellora a fertilidade do solo, promove o policultivo e integra a agricultura, a gandaría e a silvicultura local. Baséase nos coñecementos tradicionais dos campesiños do mundo e nas achegas científicas modernas para propoñer formas sostibles de xestión. Tamén defende o libre intercambio de sementes locais (nunca transxénicas) adaptadas ao medio. Ao incorporar a agricultura ecolóxica é máis eficiente que a industrial, consome un 50 % menos ao utilizar enerxías renovables e non depender de insumos industriais (fertilizantes, fitosanitarios, herbicidas, pesticidas etc.), moitos deles derivados do petróleo1. Na agricultura convencional para obter unha caloría de enerxía dos alimentos requírense de oito a 10 calorías. Nas hortalizas de invernadoiro fóra de tempada pode chegar a ser de 575 calorías investidas.
Ademais, a agroecoloxía integra aspectos sociais de desenvolvemento rural sostible e de fortalecemento das redes locais agrarias a través de fórmulas de distribución ou de comercialización xustas para os consumidores e os produtores, como grupos ou cooperativas de consumo, mercados locais, etc.
Un produto ecolóxico e un agroecolóxico non son o mesmo, o primeiro certifica que elimina os artigos de síntese para fertilizar ou sanear as plantas e que o seu manexo é natural. Aínda que evita o uso intensivo de produtos químicos agresivos e, por suposto, é mellor para o ambiente e a saúde dos agricultores e das persoas consumidoras, non se ocupa das condicións sociais nin laborais dos produtores, algo que a agroecoloxía si ten en conta.
QUE PODO FACER EU…?
Sempre que se poida, adquirir e consumir produtos ecolóxicos sabendo que:
- Non conteñen substancias tóxicas.
- Respectan os ciclos naturais.
- Non contaminan.
- Benefician á saúde.
- Aumentan o emprego agrícola.
- Evitan o malgaste de enerxía.
- Aforran auga (máis dun 20 %)
- Non destrúen aos seres vivos necesarios nos cultivos nas cadeas ecolóxicas.
- Apoio de novas formas máis naturais de producir alimentos.
- Preocúpanse pola vida digna dos animais (galiñas, vacas, porcos, etc.).
- Opta polos produtos ecolóxicos locais. Nos supermercados hai moitos que proveñen da outra punta do mundo polo que, aínda que o seu cultivo puidese ser ecolóxico, teñen unha gran pegada en emisións, transporte e refrixeración ata chegaren aquí.
- Busca o teu grupo de consumo agroecolóxico máis próximo ou crea un no colexio para as familias, como fan xa moitos centros en España.
- Pide que o comedor do teu centro escolar os inclúa no menú.
- Monta un horto ecolóxico no teu centro escolar. As actividades que se poden facer nel abranguen todos os cursos e pódense integrar transversalmente no currículo escolar. Os máis pequenos aprenderán como se desenvolven as plantas e os máis grandes incluso como comercializalas.
PARA SABER MÁIS...
- Sobre os pesticidas que quedan nas froitas e verduras convencionais1
- https://www.youtube.com/watch?v=HqWVAcAvj8k
- Sobre a gandaría industrial
- Sobre comedores escolares con produtos ecolóxicos en centros públicos
- Menjadorsecologics
- Buscadores de grupos de consumo
- ECOAGRICULTOR
- ECOAGRICULTOR 2
- Documental Mañá (dispoñible en Filmin).
- Documental Sostible (dispoñible en Netflix).
- Documental Bica a terra (dispoñible en Netflix).
- Película Unha granxa para o futuro (dispoñible en Vimeo).
- Hortos escolares
- Mapeo estatal de huertos escolares
- https://ec.europa.eu/agriculture/organic/index_es
- SEAE (Sociedade española de Agricultura Ecolóxica)